Ata o vindeiro curso!

Nesta víspera de San Xoán, o blog da biblioteca pecha até o próximo curso. Esperamos que os artigos aquí publicados foran do voso interese e por suposto desexámosvos unhas estupendas vacacións cheas de soliño, festas e relaxación para afrontar os novos proxectos coas pilas ben cargadiñas.

Despedímonos coa mágoa de saber que para o ano seguinte o noso centro xa non contará co Bacharelato na súa oferta educativa. Perdemos unha parte moi importante da nosa comunidade escolar, e referímonos aquí sobre todo ós alumnos e ós profesores, que tan activamente colaboraron coa posta en marcha deste blog.

Saúdos agarimosos!!!

1 Comment

Filed under Actividades do Centro

Noraboa ós aprobados da Selectividade

Xa que desde a web do Centro non se felicitou, quero desde aquí dar os parabéns ós 16 aprobados (de 18) no Selectivo.

Leave a Comment

Filed under Actividades do Centro

O derradeiro Recuncho do lector: «Non hai noite tan longa» de Agustín Fernández Paz

A recén publicada novela do Fernández Paz, e un ata sempre de Pedro

Cun estilo limpo e rico ó mesmo tempo, o novelista vilalbés cóntanos unha historia que xunta memoria, dignidade, misterio e ó final, redención persoal. Unha vila rural, un «roxo» inxustamente acusado, todas as miserias e silencios dun mundo escuro, merdallento e esmagante, dominado polo máis noxento do Franquismo. Un retrato das miserias morais que permitiron acusar a un home íntegro e inocente, a reparación dun fillo que marchou a Francia e que volve trinta anos despois  e un  proceso de redención persoal que lava a imaxe do seu pai e fai xustiza co señorito culpábel. Como todas as novelas de Paz, unha marabillosa historia e moi ben escrita. Anímovos a todos á súa lectura. Nestes tempos de indignidade e incertos un alento de memoria sempre está moi ben.

Leave a Comment

Filed under O recuncho do lector

Cal credes que foi a 1ª editorial da historia?

Marca da editorial

O que de verdade soubo sacarlle partido á imprenta foi outro tipo, non tan coñecido como Gutenberg, chamado Aldo Manuzio (1449-1515).
Manuzio, si, señores, foi o fundador da primeira editorial de éxito: a Aldina de Venecia: famosa pola súa gran edición de obras clásicas, a invención da tipografía itálica ou bastardiña, e os primeiros libros de peto… a mellor proba do éxito desta editorial son as numerosas edicións piratas coa marca Aldina. Polo tanto, o bibliófilo interesado en adquirir un aldino? fará ben en asegurarse do que compra.
Unha das ambicións de Manuzio era evitar que as obras da literatura grega caesen no esquecemento ou a perda física, polo que as converteu nos seus principais proxectos de edición. Brindou ao mundo as edicións de Hero e Leandro de Museo, o Galeomyomachia, e o Salterio grego. Estes primeiros libros non están datados, pero sen dúbida son as edicións máis antigas sacadas pola imprenta Aldina e son considerados como ?os precursores da biblioteca grega.
Quizá o legado máis importante da primeira editorial da historia sexa o seu logotipo: un áncora e un golfiño. Hoxe en día  o áncora e o golfiño empréganse nos símbolos e nomes de diversas editoriais e librerías modernas como Anchor Books, ou a librería Áncora e Delfín, en Barcelona.

Tirado dun blog moi recomendábel Papelenblanco

Leave a Comment

Filed under Curiosidades

Elixido o autor das Letras Galegas 2012: Valentín Paz Andrade

Poeta de espírito reflexivo e sentimental, biógrafo de Castelao, modelo de integración de inquedanzas e saberes, VPA foi unha figura poliédrica e renacentista, onde as súas preocupacións arredor da economía e da empresa enxartábanse na mesma tarefa de desenvolver un proxecto político e cultural que sacase a Galicia da marxinación e o abandono, como sinalou nese libro fundamental da súa longa bibliografía La marginación de Galicia (1970). Toda a súa vida, pois, resúmese no compromiso expresado polo sintagma Galicia como tarefa, o título, tamén, dun dos seus ensaios máis emblemáticos, publicado en 1959 pola editorial Galicia do Centro Galego de Buenos Aires.

Tirado do blog Brétemas

Leave a Comment

Filed under Letras Galegas, Referencias a autores, Valentín Paz Andrade

Rematando o curso, bibliotecas fermosísimas

YouTube Preview Image

Leave a Comment

Filed under Bibliotecas, Vídeos

Desde A Hucha do Ucha sumámonos

A insoportable levidade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Leave a Comment

Filed under Bibliotecas

Andrea, a nosa escritora, presenta a súa novela

Portada do libro

Este martes, 31 de maio, preséntase na Galería Sargadelos de Ferrol  a novela de Andrea Tomé, alumna de 1º de Bacharelato. Moitos parabéns para este feliz acontecemento e todo o ánimo da comunidade escolar do Ucha.

Leave a Comment

Filed under Libros

A moi grata visita de Iván García na prensa

A visita do autor de "O imposible de desatar" no Diario de Ferrol de hoxe

Leave a Comment

Filed under Actividades do Centro, Prensa

Nunha charla amena e moi interesante Iván García Campos debullou a súa novela para os alumnos de 1º de Bach.

De autor a autora, Iván asínalle o libro a Andrea, a nosa escritora de 16 aniños

         O autor premiado este ano co Premio Blanco Amor de novela («O imposible de desatar») falounos na Biblioteca do Centro da súa obra. Nun ambiente de atención e interese Iván explicounos moitos aspectos da novela, desde o seu concepto da obra literaria ata o proceso de presentación ó premio. Logo da exposición houbo un animado coloquio no que alumnos dos Bacharelatos (ordinario e adultos) preguntaron por diversos aspectos da obra. Finalmente Iván prestouse amablemente a asinar distintos exemplares. Desde este blog queremos agradecerlle a súa colaboración e darlle as grazas pola súa visita.

Leave a Comment

Filed under Actividades do Centro, Iván García Campos